INFORMACIÓN FACULTADE

ÓRGANOS DE GOBERNO SEGUNDO OS ESTATUTOS

Artigo 30

 

1. A xunta de centro é o órgano colexiado de goberno do centro.

 

2. Correspóndelle:

 

a.Elixir o/a decano/a ou director/a e, de ser o caso, revogalo/a.
b.Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e administración do centro.
c.Informar sobre a implantación de novas titulacións e estudos.
d.Elaborar e aprobar as propostas de plans de estudos das titulacións que se impartan no centro.
e.Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plan docente do centro coordinadamente cos departamentos adscritos a el.
f.Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, así como tamén coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias impartidas neles polos departamentos, de acordo cos plans de estudo e cos obxectivos establecidos para cada titulación.
g.Programar os servizos e equipamentos do centro e supervisar a súa xestión.
h.Acordar a distribución dos créditos concedidos ao centro e controlar a súa aplicación.
i.Elaborar o regulamento de réxime interno do centro.
l.Organizar actividades de formación permanente e de extensión universitaria.
m.Calquera outra que lle atribuíren as disposicións legais vixentes e os presentes estatutos.

 

Artigo 31

 

1. A xunta de facultade ou escola estará composta por:

 

a.O/A decano/a ou director/a, que a convocará e presidirá.
b.Os vicedecanos ou subdirectores e o/a secretario/a, que o/a será tamén da xunta.
c.Todos os profesores con vinculación permanente á Universidade, co límite do 51% do número total de membros da xunta; unha representación do resto de profesorado que imparta docencia maioritaria no centro e do persoal investigador en formación que colabore na docencia nunha proporción do 12%, sempre que for posible.
d.Unha representación do estudantado nunha proporción do 28%.
e.Unha representación do persoal de administración e servizos nunha proporción do 9%.

 

2. Quen impartir docencia en máis dun centro só poderá ser membro da xunta do centro en que desenvolva maioritariamente a súa docencia.

 

3. Os representantes na xunta de centro serán elixidos para un período de dous anos.

 

SECCIÓN V. DOS ÓRGANOS UNIPERSOAIS DOS CENTROS

 

Artigo 41

 

1. Os decanos de facultade e directores de escola desempeñan a representación dos seus centros e exercen as funcións de dirección e xestión ordinaria destes.
2. Serán nomeados polo/a reitor/a, unha vez elixidos pola xunta de centro, de entre profesores con vinculación permanente á Universidade adscritos ao respectivo centro.
3. A duración do mandato do/a decano/a ou director/a será de catro anos, e poderá presentarse a unha soa reelección consecutiva.
4. O/A decano ou director/a cesará nas súas funcións ao final do seu mandato, por petición propia ou como consecuencia dunha moción de censura aprobada por maioría absoluta da xunta de centro.

 

Artigo 42

 

Correspóndenlle ao/á decano/a ou director/a as seguintes funcións:
a.Representar o centro.
b.Presidir as reunións da xunta de centro e de calquera outro órgano colexiado deste, así como tamén executar os seus acordos.
c.Velar polo cumprimento da legalidade en todas as actuacións do centro, polo bo funcionamento dos servizos e polo mantemento da disciplina académica.
d.Dirixir e supervisar as actividades do centro, especialmente a organización das actividades docentes.
e.Propoñerlle ao/á reitor/a o nomeamento e cesamento do/a vicedecano/a ou dos vicedecanos, do/a subdirector/a ou dos subdirectores e do/a secretario/a do centro.

f.Controlar o cumprimento das funcións do persoal de administración e servizos adscrito ao centro.
g.Exercer as restantes funcións derivadas do seu cargo, así como aquelas outras que lle atribuíren as disposicións legais vixentes e os presentes estatutos.

 

Artigo 43

 


1. Os vicedecanos ou subdirectores serán nomeados polo/a reitor/a, por proposta do/a decano/a ou director/a, de entre os membros da comunidade universitaria do centro.
2. Correspóndelles aos vicedecanos ou subdirectores dirixiren e coordinaren, baixo a autoridade do/a decano/a ou director/a, a área de competencia que este lles asignar. De existiren varios, o/a decano/a ou director/a designará quen deberá substituílo/a no caso de ausencia ou enfermidade.
3. Os vicedecanos ou subdirectores cesarán no seu cargo por petición propia, por causa legal sobrevida ou por decisión do/a reitor/a, proposta polo/a decano/a ou director/a.

 

Artigo 44

 

1. O/A secretario/a é o fedatario/a dos actos e acordos dos órganos de goberno e administración do centro.
2. O/A secretario/a será nomeado/a polo/a reitor/a, por proposta do/a decano/a ou director/a do centro.
3. Correspóndenlle ao/á secretario/a as seguintes funcións:
a.A formación e custodia dos libros de actas dos órganos colexiados do centro.
b.A recepción e custodia das actas de cualificación de exames.
c.A expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que constaren nos documentos oficiais do centro.
d.A custodia do selo do centro e do seu rexistro.

e.A publicidade dos acordos dos órganos colexiados do centro.
f.Calquera outra función que lle delegar o/a decano/a ou director/a ou lle encomendaren as disposicións legais vixentes e os presentes estatutos.
4. Os secretarios cesarán no seu cargo por petición propia, por causa legal sobrevida ou por decisión do/a reitor/a, proposta polo/a decano/a ou director/a.

 

organos